sábado, 6 de agosto de 2011

O GALEGO QUE INVENTOU A CALCULADORA

Nos depósitos da sede central da IBM, en White Plains (NY), atópase unha antiga máquina construída no 1878 e que resulta ser a primeira calculadora que multiplicaba e dividía de xeito automático.
A Calculating Machine nº 3 pesaba 22 quilogramos, estaba feita de ferro e aceiro amarelo e ten un lugar reservado na historia da informática, pero debería ter tamén un sitio na historia de Galicia porque o home que a ideou, deseñou, construiu e patentou chamábase Ramón Verea e era natural da Estrada.

Ramón Silvestre Verea García naceu o 11 de decembro do 1833 en San Miguel de Curantes (A Estrada). Asistiu á pequena escola parroquial e recibiu clases dun tío cura con vistas a estudar carreira en Santiago. Así, pois, no 1847 estudou en Compostela na facultade de Filosofía e Letras. As súas pobres calificacións académicas non presaxiaban o gran futuro intelectual que alcanzaría despois o Sr. Verea. Acabou deixando a Universidade e ingresou no seminario, lugar no que tampouco estaba cómodo e rematou por abandoar definitivamente os estudos cando só tiña vinte anos de idade.
E aquí comezaba daquela a súa verdadeira aventura vital. Como tantos galegos naquela época decidiu emigrar. Embarcou cara Cuba onde traballou como maestro, escribiu dúas novelas (La cruz de piedra e Una mujer con dos maridos) e exerceu o xornalismo no diario El Progreso de Colón. No 1865, con trinta e dous anos, puxo fin a esta etapa e mudouse a Nova York.

Durante os trinta anos que estivo en NY, Verea viu medrar e definirse a cidade, asistiu en directo ao que el chamaba o "espectáculo do progreso". Unha sociedade cosmopolita, unha cidade que se reinventaba cada día e unha riada humana que buscaba o seu billete para o soño americano. Mentras aquela sociedade se desenvolvía a velocidade de vertixe, Ramón Verea sentía que España ía na dirección equivocada pois pensaba que había escritores e avogados de máis. Segundo el, o que necesitaba unha sociedade para ser independente eran enxeñeiros e inventores. Moitos dos seus amigos americanos reprochábanlle que os españois non tiñan capacidade de adaptación e que non alcanzarían xa o tren do progreso. En poucas palabras, que en España non había posibilidades de desenvolvemento e que sempre irían por detrás dos americanos. Podían ter razón co seu prepotente razoamento pero a Ramón Verea acendéronlle a mecha do orgullo, coma cando a un galego se lle di: "A que non hai güevos?".

Daquela foi cando Ramón Verea decidiu intentar demostrar que "un español podía inventar o mesmo ca un americano". Dedicouse ao seu proxecto con paixón e o resultado foi que no 1878 recibiu a medalla de ouro da Exposición Mundial de Inventos de Cuba, celebrada en Matanzas, pola súa avanzada máquina de calcular. Máquina que supuxo unha enorme contribución ao futuro desenvolvemento da computación.

Pascal e Leibniz intentaran resolver o problema do cálculo mecánico e moitos outros científicos traballaron sobre os mesmos principios, pero ata que Ramón Verea creou a súa máquina non se tiña conseguido ir máis alá de sumar e restar cun sistema moi lento. A calculadora deste galego, ademais de sumar e restar era quen de multiplicar e dividir, podía facelo de forma exacta e instantánea permitindo ata quince cifras no resultado. Unha verdadeira revolución para a época, o seu avance neste campo resultou asombroso e moito máis tendo en conta que Verea era escritor e xornalista e non un home de ciencia. O Scientific American, o New York Herald e moitos outros medios de comunicación deron conta do invento.

Este galego admirable patentou a máquina o 10 de setembro do 1878 (patente nº 207.918), pero curiosamente rexeitou intentos de comercializala ou de continuar traballando nese campo. Rexeitou, así, a posibilidade de obter moito diñeiro e recoñecemento. Chega con coñecer as declaracións que fixo ao Herald para decatarse das súas intencións: "Só me movía o afán de contribuír con algo ao avance da ciencia e un pouco de amor propio. Eu son xornalista e non un científico e, ademais, o que eu pretendía demostrar... xa está demostrado". Demostrou o que quería demostrar, e ao carallo. Aí queda iso!!

Sobre a base técnica que conseguiu traballaron despois outros investigadores e chegaron máquinas máis perfeccionadas como a Millionaire de Steiger, pero todas foron deudoras do método e camiño aberto por este ilustre galego da Estrada.

E como lle pasou a moitos xenios, o final non foi de "happy end"... Ramón Verea finou en Bos Aires o 6 de febreiro de 1899. O xornal El Eco de Galicia, editado nesa cidade, dedicoulle un sentido artigo no que se destacaba a súa honradez e a súa extrema pobreza: "A Asistencia Pública recolleu o defunto e, practicada a autopsia, resulta que a morte foi debida a unha afección pulmonar (...) o enterro tivo lugar ante moi regular concorrencia".

Ramón Verea morreu só e foi enterrado nun panteón anónimo do cemiterio do Oeste. A súa máquina foi superada e mellorada e hoxe repousa nun tranquilo soto, esquecida por case todos. 
Este galego admirable foi caendo tamén no esquecemento e reducido a manuais especializados ou artigos nostálxicos coma o meu. Penso, sinceramente, que este home debeu recoller máis froitos e medallas polo seu invento e que se non o fixo non foi por soberbia senon por humildade. Preferiu defender a dignidade e o orgullo persoal e patriótico por enriba de todo. Parvo para uns, xenio excéntrico para outros, o que queda claro é que ao final "Houbo güevos!". Como dirían Os Diplomáticos: "Primeiro o orgullo, despois o bandullo".

Bibliografía

1 comentario:

Anónimo dijo...

POR DEUS DIRIAN NAS VILAS AS VELLAS!!!MANDA CARALLO NAS CIDADES OS VELLOS!!! TAN SO 1 GALEGO TEN OS HUEVOS(OVOS) DE FACER O QUE LLE PETA SE LLE DANAN O ORGULLO(RAZA) FERVELLE A SANGUE HINCHANLLE AS VEAS E SOLTA TODA A SUA IMAXINACION ASTUCIA PERICIA....
TILDANNOS DE PARVOS DE TOLOS(ATA HAY POUCO NO REAL DICCIONARIO DA LINGUA GALEGO=TOLO) PERO NON E ASI TAL COMA ESTE BO GALEGO DEMOSTRA SO FAI FALLA BOTARLLE UN PAR DE HUEVOS COMO DIN ALGUNS CASTELANS E DARLLE NA CARA A QUEN NON CREI EN NO0S ...
SERVEMOS IGUAL OU MAIS AS VECES MENOS SEGUNDO QUE VARA DE MEDIR SE USE PARA TODO SI PARA TODO....
ALEGROME DE SERES GALEGO COMA SE ALEGRABA ESTE XORNALISTA-MESTRE-INVENTOR DO QUE FALADES E CAL ARTIGO ME DEIXOU CON GRANDE SABOR DE BOCA SI SON GALEGO E QUE......

J.B"DRAGON"
RINARDY
CHIMINIÑAS
PEPIÑO III