martes, 2 de agosto de 2011

CONTROL RADAR

Ola amig@s!!
No último post falaba dos fitipaldis de aldea. Esa raza que se embriaga co cheiro a gasoil, que fai rallys polas pistas das aldeas e que non pode perder os Grandes Premios de Formula 1 por nada do mundo. Prefiren perder a sesión vermú da aldea que deixar de ver as carreiras.
Sonche moito!! Collen o coche, se pode ser tuneado mellor, e miran de poñelo a todo o que dá. LUME!! Sentidiño? Pouco. Non se paran a pensar que poden saír no informativo da Galega ou nas esquelas da Cope para o día seguinte.
Para combater estes fenómenos está TRÁFICO que xa se encarga de facer controis rutinarios de alcolemia e de velocidade poñendo algún que outro radar. Pois ben, sabendo que os de Tráfico non chegan a todas partes e non acostuman a ubicarse en estradas vellas e pistas rurais (lugares precisamente escollidos polos "fast and furious" de turno para fuxir da Garda Civil e os seus controis), hai xente de aldea que se busca a vida como pode para poñer freo a estes túzaros motorizados. O inxenio e a retranca de moit@s galegos non ten límite, e velaquí a foto definitiva que o demostra. 
Algún veciño, farto de ver pasar os coches a mil por hora e levar varios sustos, tomou man da creatividade e el mesmo fabricou e camuflou nesta parada de autobús abandoada un radar moi orixinal. Comprobade que cunha caixa de cartón, un pouco de papel de aluminio, unha lata de sardiñas e un rotulador ben se pode facer un radar artesanal que "dá o pego".
Chamádelle persuasión ou chamádelle retranca, pero o absurdo galego non deixa de sorprenderme. 
Longa vida ao humor rural, carallo!!

1 comentario:

Xosé Manuel Fdez dijo...

Arte nacional popular. Que grande!!