jueves, 25 de febrero de 2010

NADA

Información previa

Wikipedia.- É un concepto que se refire á ausencia de calquera ente. Na linguaxe coloquial emprégase para referirse a calquera persoa, cousa ou suceso de pouca importancia.

Os gregos centráronse no ser e nalgúns casos tomaron a nada como a negación do ser: o que hai é o ser e só cando se lle nega aparece a nada.

Parménides.- Entende que do non ser (nada) non se pode falar. Tan sinxelo como entender que o ser é e o non ser non é.

Aristóteles.- Sostivo que tanto a negación como a privación se dan dentro de afirmacións porque incluso do "non ser" pode afirmarse que non é.

Hegel.-Afirma que o ser e a nada son igualmente indeterminados porque a nada ten a mesma falta de determincación que o ser. En "La ciencia de la lógica" sostén que a vacuidade do ser en xeral é idéntica á da nada, e que por iso mesmo, ser e nada son idénticos.

O positivismo lóxico conclúe que todo o que sexa ocuparse da nada é un contrasentido, descalificando deste xeito toda especulación sobre o problema.

Pero ben, non vou seguir coa filosofía porque non é un campo que domine e resulta un coñazo de moito carallo. Verdade?

O post vén a conto pola pintada que atopei no asfalto dunha rúa. Pintada sobria e directa, sen máis explicacións: NADA.
É unha reflexión existencialista? Unha crítica social? Un estado de ánimo? Un "porpoñeralgo" pois non se me ocurre nada?
Hai uns días lin un artigo que criticaba ao actual goberno de Zapatero polo seu optimismo esaxerado e irreal visto o visto. Moito fume, moito positivismo e despois NAAAADA. Falaba de que na historia se foi arrastrando un "pesimismo antropolóxico" que se superou con outras correntes filosóficas máis optimistas de pensamento entendendo que sempre había que crear e visualizar en positivo. Pero, segundo dicía este opinador, nin tanto nin tan calvo, ao seu entender hai que pensar en positivo pero nunca enganar con falsas expectativas por moi ilusionantes ou balsámicas que sexan. A idea esa de pensar que un pesimista é un realista ben informado, máis ou menos. Ilusión e optimismo si, pero partindo dunha realidade que non se debe esconder. A crise actual supoño que non axuda moito a ser optimista, e por iso a sensación de NADA pesa sobre moitas persoas con toda a súa carga negativa, pero a NADA pode ser vista en positivo en moitas ocasións: "Non queda nada para a primavera", "En nada vou de vacacións", "Tiven un accidente pero non me pasou nada", "De momento non necesito nada", "Nada me fará dano", etc.
Ás veces "nada" é moito... Cando che pregunten: E tin quen es? Contesta: Para o Universo NADA, para min TODO.
Pero para filosofías quédome coa resposta dun paisano galego ao que lle preguntaron unha vez: Que é para vostede "A NADA"? O paisano, despois duns segundos de silencio e reflexión, espetoulle: "Para min A NADA é unha navalla sen mango á que lle falta a folla".
Onde esté a retranca galega que se quite a filosofía clásica...
Non tedes NADA que opinar?

2 comentarios:

Juan dijo...

¿Para ir al Cabo Touriñan?... El notas aquel bien podría protagonizar otro eh.
Este es un blog trabajado señor.

Xosé Manuel Fdez dijo...

Cabo Touriñán? A min eso non me interesa...

Xente de Fisterra, xa se sabe, poden sair por calquera lado e deixarte co reloxo de windows dando voltas.