viernes, 30 de agosto de 2013

BASKET A CATRO BANDAS

Está de moda o basket e seguro que ten moito que ver que a Selección Española leve anos no máis alto deste deporte a nivel mundial. 

A min sempre me gustou. De pequeno facía papeleiras- canasta cun tambor de Skip (non eran cilíndricos), un taboleiro de madeira, un aro de ferro e unha malla vermella das laranxas. Pasaba bos ratos intentando encestar papeis engurrados e pelotas de esponxa. Uns anos despois xa fixen a miña primeira canasta semi-profesional colocada a uns 2,20 metros e onde co tempo conseguín machacar nela. Daquela eu non xogaba ao balon-cesto, eu xogaba ao balón-pota. Si, unha pota desas míticas de cor granate un pouco máis estreita que as grandes do caldo e sen cu cravada nun taboleiro era a miña canasta particular. Mira que non pasei eu tardes tirando... O aro era un pouco gordo e non tiña rede pero a satisfacción de encestar era máxima.Imaxinación e reciclaxe ao poder!! 

Pois ben, un amigo meu, Daniel Sabater, emigrado a Alemania como tantos outros talentos non recoñecidos neste país, mandoume esta instatánea dunha cancha pública que hai nunha cidade (agora non lembro ben se era Bonn, pero dá o mesmo). Impresionante !! Como son estes alemáns, certo que son cabezas cadradas para moitas cousas pero que gran idea para poder practicar baloncesto a catro bandas. Como non se me ocurriu a min... Se hai catro partidos simultáneamente igual non é tan práctica como semella, pero a idea de aproveitamento do espazo é boa, ou polo menos a min parécemo.

E outra cousa, seica alí duran moito máis este tipo de instalacións públicas, non como aquí que en catro días a rede vai no carallo e a canasta igual aparece nun xardín privado ou como "cierre de leira" en calquera momento.

No hay comentarios: