domingo, 16 de diciembre de 2012

COCIÑA MODERNA

COCIÑA MODERNA (de autor)

Comer estilo fashion, prato mancha, enganar ao bandullo, ensinar a comida en vez de poñela. Cociña de autor, ou de artista, porque hai que ser un artista para cobrar tanto por tan pouco, carallo!!

Como diría meu pai: “isto non é comer, é xogar a comer”, “para min non é comer nin é nada”, é “marchar con máis fame da que traia...”

Chámanlle COCIÑA FUXIÓN con bo criterio pois a propia palabra o indica, “fuxión” que vén de fuxir... escapar!! escapar da cociña clásica, auténtica, da cociña de toda a vida.

Velaquí algúns exemplos de TAPAS TRAICIONAIS, tapas que te enganan, que te traizoan, “que che dan gato por lebre” para entendernos.

Algúns exemplos:

1-TORRADAS Á CATALANA, torradas estilo minimalista. Con bágoas de tomate e perfumadas con aceite de oliva.

2-FARANGULLAS DE PATACA con pingadelas de salsa brava ou alioli. Doada dixestión a non ser o alioli que sempre deixa tarxeta de visita.

3-RADIOGRAFÍAS DE XAMÓN con banda ancha de lardo e presencia testemuñal de freba. Tapa para “alardear” ben.

4-SUSPIROS DE SALCHICHÓN “qual piuma al vento”. Coidado ao servir en terrazas!

5-EMPANADA CRISTIANO RONALDO. Presentación “chula”, de bonito e caríiiiiiiiisima.

6-AROMAS DE CABRALES e ILUSIÓNS DE TETILLA. Non todo vai ser comer. O cheiro tamén alimenta.

7-TRANSPARENCIAS DE LACÓN ASADO CON CALCAMONÍAS DE CHOURIZO. Coidado co abuso, poden provocar anorexia e anemia. Por certo, tede coidado que este ano seica ben unha anorexia moi mala.

8-GRANIZADA DE ZORZA de baixa intensidade. Simulacro de zorza, catro pedazos xogando á birisca.


...E RECORDOS DO PAN QUE NON PUIDO VIR. Isto a un galego non se lle fai nunca, pode morrer xente.

Para acompañar as tapas, VIÑO TURBIO (corrompido, de procedencia pouco clara) ou MORAPIO PELEÓN... picado co RIOJA e outras variedades.

E de sobremesa, “ALGO MENOS DE ½  PORCIÓN ESCASA DE TARTA DE SANTIAGO e INHALACIÓNS DE LICOR CAFÉ”. Evapórase no padal, acabas antes de comela que de dicir o seu nome, carallo!!


Se quedades con fame (é moi raro que pase) sempre podedes recorrer a un “Churrasco a fartar”. Churrasco como para unha voda e acabouse a “tontería”.

Xosé Manuel Fdez © 

No hay comentarios: