jueves, 28 de junio de 2012

XENIO DA MECÁNICA EN MINIATURA


Esoutro día, a partires dun correo electrónico que me fixo chegar un amigo, descubrín outro galego exemplar e admirable, o Sr. JOSÉ MANUEL HERMO BARREIRO, coñecido entre os seus achegados como "Patelo". Un deses galeg@s bos e xenerosos, traballadores e humildes, que para min honran e dignifican a identidade galaica.

José Manuel Hermo é de Noia e naceu no 1940. Ata os 22 anos traballou nun taller onde aprendeu o noble oficio de mecánico armando e desarmando os seus primeiros motores. Aproveitando os seus anos mozos decidiu embarcarse como mecánico naval durante 12 anos, tempo no que as viu de todas as cores por lugares como o Gran sol. Esgotada esta etapa aventureira asentouse en terra como inspector de mecánica naval nas Palmas onde traballou durante 30 anos ata dar por rematada a súa vida laboral como cotizante.

E como pasa en moitos casos cos xubilados, "Patelo" seguiu coa súa paixón, a mecánica. A cabeza "carbúralle moito" e para darlle saída a tal potencial de enxeño deulle por facer motores en miniatura. A día de hoxe as súas creacións son admiradas en todo o mundo e moitos enxeñeiros e mecánicos quedan abraiados co seu saber, a súa paciencia e a súa técnica.

A este galego, como a moitos outros, chegoulle coa FP e non lle fixo falta pasar por universidade ningunha para convertirse nunha auténtica fonte de saber en materia de mecánica, sobretodo de mecánica naval. A súa paixón polo mundo do motor, a súa constancia e paciencia e o seu afán de superación fixeron e fan posible que saiba tanto deste oficio e que sexa admirado por xente do gremio.

E como todo na vida, o esforzo, o sacrificio e a constancia foron dando os seus froitos. Para ser bo en calquera cousa "hai que meterlle horas", abofé que si... José Manuel "Patelo" conta que dedicou nada máis e nada menos que 5.000 horas para construír os seus últimos 4 motores.Cóntao con paixón pero tamén con moita humildade (ver video).

Este galego non ten estudos universitarios e confesa que non coñece internet pero a súa paixón e o traballo constante fixeron e fan posible que chegue á meta que se propón. Di que chegou a dedicarlle 12 horas ao día pero agora xa se conforma con 6 e que ten unha pequena obsesión, cando empeza un motor xa está desexando velo rematado.

Sabedoría popular galega: "O que algo quere, algo lle costa" e "hai que meterlle horas"...

Fontes: Voz de Galicia e lainformación.com 

No hay comentarios: