miércoles, 6 de junio de 2012

EXPOSICIÓN DE BANDA DESEÑADA


“A CABEZA NON PARA”
Exposición dalgúns dos mellores debuxos de Xosé Manuel nestes últimos 12 anos na Casa da Cultura de Monforte (do 1 ao 14 de xuño do 2012).



PRESENTACIÓN DO AUTOR 

Eu son un deses personaxes que corre polo mundo; o de correr é un dicir, máis ben ando. Pois iso, ando polo mundo… distraído e disperso, ou como diría a miña nai: “nas berzas e soñeando”.

Nos momentos de evasión onírica en tempo real dáme por buscar o lado cómico das situacións e por xogar coas palabras, é algo xa enfermizo, que lle vou facer... Se investise ese tempo en estudar para notario igual o meu patrimonio o “notaría”, pero non me deu por aí. Como sabedes, todo galego humorista que se prece xoga cos dobres e os triples sentidos, aínda que na maioría dos casos o que prima de verdade é o “sen sentido”, o surrealismo e o rir por rir.

Ao marxe do anterior, e nos momentos de lucidez (que os hai, non vaiades pensar... que para pensar xa estou eu), cos meus debuxos fago unha importante labor social dándolle unha lectura reinterpretativa á realidade que nos amosan, moitas das veces encuberta e orballada. Por iso coido que cómpre desenmascarala coa axuda desa ferramenta tan galega, a retranca, enxebre ironía que nos permite reinterpretar con humor as realidades do día a día. “Ás veces a realidade é tan dura que cómpre facela entrar coa axuda dunha vaselina chamada humor”.

Confórmome con facer chegar ao lector unha mensaxe ou un simple sorriso, que non é pouco.


Xosé Manuel Fernández Montes


No hay comentarios: