domingo, 1 de abril de 2012

A VECIÑA GALEGA DE OBAMA

Chámase Conchita Martín pero é coñecida tamén como "Connie" ou "la gallega" e vive acampada diante da Casa Branca dende 1981.Foi nese ano cando empezou a súa utópica e indefinida protesta intentando deixar en evidencia a inxustiza mundial, liderada sempre polos EE.UU. Daquela protestaba contra o sistema xudicial ao perder, despois dun divorcio, a custodia dunha filla que tivo cun estadounidense. Pediu axuda ao Goberno americano e incluso ao español, liderado naquel momento por Felipe González ao que chegou a mandarlle cartas pedindo o seu apoio.Non conseguiu nada.Seica perdeu o xuízo por considerar as autoridades xudiciais americanas que non era apta para o coidado da cativa. Esa parte da historia queda baixo a brétema pois non hai información fiable ao respecto. Podemos crer na súa versión e pensar que o sistema foi inxusto con ela ou pensar que tiña algún desequilibrio mental. O caso é que, comezou a súa protesta como unha cuestión persoal e agora o motivo xa é global, a súa loita é contra a inxustiza do sistema político mundial.  

Aos seus 67 anos, esta galega mantén unha loita continua e incansable para conseguir que USA, un dos países co maior investimento de armamento do mundo, retire o seu arsenal nuclear e deteña todo tipo de explotación na busca de recursos naturais nos países de América e do Medio Oriente. Semellará unha indixente tola pero as súas reflexións respecto ao orde mundial que oprime aos febles están cheas de cordura. Conchita ten a tenda de campaña improvisada chea de carteis e contrainformación que pon ao descuberto a hipocresía que goberna no mundo. Critica á sociedade, di que a xente non pensa, que está contenta con ver a televisión e crer nas mentiras que nos colocan cada día. Das súas críticas non se salva nin Obama, do cal esperaba algo máis...

Na súa particular cruzada contra a inxustiza mundial, inspirada quizais por Don Quijote, atopa moitos atrancos e tense que enfrontar a diario coas forzas de seguridade que a controlan e tamén con xente que non pensa coma ela á que non lle gusta nada que se critique o sistema político americano. Pero ela, galega brava e torrona, mantense firme baixo os seus plásticos e detrás das súas pancartas, sen medo a nada. Michael Moore, admirador da súa resilencia, fíxoa un pouco máis famosa  ao sacala no documental "Farenheit 9/11".

Víctima, tola ou exemplo de sacrificio, Conchita non ten pensado abandoar a súa ubicación. Seguirá aí, día a día, convidando aos turistas e paseantes a ler os seus carteis sen saber se o seu esforzo servirá ou non de algo. Segundo ela mesmo di: "que as cousas cambien depende de tod@sestarei aquí ata que Deus ou as autoridades queiran":

P.D. Advertencia: a falta de xustiza pode volver a un tolo. Mellor mire para o outro lado e siga o seu camiño.Non faga o que queira, faga sempre "o que teña que facer".


2 comentarios:

esta vida pide outra dijo...

Canta razón levas...non hai alternativa. Bebamos coma galegos!

Xosé Manuel Fdez dijo...

Xa sei quen es... Aí estamos! Gzs