Boas tardes e feliz ponte para tod@s aqueles que estedes gozando del.
Atopei unha nova "perla" e quería facervos partícipes dela, compartila con vós para que discurrades un pouco ou para que botedes un riso. A fotografía corresponde ao lateral dunha furgalla que atopei hai uns días en Monforte, o deseño non é cousa doutro mundo pero o tipo de negocio resulta curioso e dá que discurrir.
Tod@s sabemos que hai xente que vale para todo, que tan axiña prancha un ovo como frite unha camisa. Xente que é aprendiz de todo e mestre de nada, "profesionais foradeserie" que lle dan a todo. O seu lema preferido é "todo é poñerse". Profesional competente? Igual non, pero para quen é o burro ben vale a albarda. Total, se vivimos no país da trapallada e da chambonada, que máis dá unha chafallada máis ou unha chafallada menos. Non se vai notar. Todos sabemos e facemos de todo, e cando hai crise aínda máis.
Pois ben, aquí temos un exemplo. Multi Antón dedícase, supostamente, á pintura e á viticultura. Pintor de bodegóns, quizais?
Ao final vai ter razón miña nai cando di: "moitos oficios ten Pericón, e ningún lle é bon".
2 comentarios:
A xente non sabe o que inventar.
Nos tempos que corren hai que saber facer de todo...
Publicar un comentario