Como xa sabedes tod@s os que me aturades, son un enfermo das excentricidades e das curiosidades. Levo un radar para atopalas e senón sácolle punta a todo o que cae no ángulo de visión da miña retina...
Pois ben, estando de vendima na Ribeira Sacra, por Terras da Bibei, puiden comprobar unha vez máis como os galeg@s reutilizamos e innovamos ao mesmo tempo. Velaquí o último "invento nacional popular": un envase de plástico da Casera reconvertido en dispensador de auga a chorro con peche de seguridade incorporado. O que eu bauticei como "O cichote quitasede".
Pasos a seguir para a fabricación caseira desta innovación:
1-Coller unha botella de plástico de La Casera, Fanta ou Coca-Cola de litro e medio baleira.
2-Facerlle un furado no tapón cunha punta de ferro.
3-Atar un cravo ou punta de ferro ao pescozo da botella para taponar o novo furado evitando o derrame da auga e que entre a bichería.
Con esta nova invención poderemos beber auga polo sistema de apretado e chorro directo a imitación da clásica bota de viño evitando ademáis que os compañeiros de traballo metan o morro na boca da botella, feito que ás veces pode chegar a ser desagradable para os máis escrupulosos.
E o que non vos contei aínda, no caso da botella que vedes na foto a punta ou cravo de ferro estaba enferruxada. Que detalle o do paisano, darnos de beber auga con ferruxe. Non nos fixo falta comer lentellas... bebendo auga xa tiñamos a dose de ferro aconsellada pola OMS.
Reutilización e innovación ao poder, carallo!!
P.D. E se o envase se deteriora por calquera causa deixámolo na viña ou tirámolo a unha silveira e listo. Reutilizar si, contaminar tamén.
2 comentarios:
E a punta, Ten que estar afurruxada ou non?
Por suposto, a punta ten que estar enferruxada.
Publicar un comentario