martes, 26 de abril de 2011

ANDAR POLA SOMBRA

Ola, amigos e/ou seguidores!!
Está visto que non se pode un descoidar nin o o máis mínimo (nin o máis minino neste caso) pois en canto pasas unha semana sen publicar xa che andan no lombo... metaforicamente falando. Os marmuradores espallaron xa algunhas especulacións: que debo andar moi ocupado ultimamente, que xa perdín a miña habilidade para atopar perlas, que a inspiración pasa por diante da miña casa pero xa non para nin a saúdar, a crise...
Visto o visto, tiña que acabar con estas especulacións que erosionan a miña imaxe e recuperar o meu instinto. E velaquí unha foto que dá xogo para comentar. Esta foto foi tomada en Compostela (aquí fotos é o que menos tomo, tamén volo digo), nunha das rúas da zona vella. Como podedes comprobar, trátase dunha "orixenial" pintada que representa un gato atado polo rabo nun pau. Para sorte miña, por supersticioso, o gato negro estaba pintado na parede, feito que facía imposible a posibilidade de que se me cruzara no camiño. Uuuuufff !!
Para algúns sería denunciable a estampa por tratarse da representación dun animal maltratado, e darlle unha mala vida a un gato, aínda que teña outras seis para resarcirse, non semella moi ético, a verdade.
O caso é que estas sombras estanse poñendo de moda e dándolle unha nova reformulación artística ao concepto da pintada de toda a vida. Dende aquí os meus parabéns para esta nova tendencia.
E falando de sombras, o outro día atopeime ao meu amigo Dositeo na Feira do Viño de Quiroga. Tomamos uns viños e arranxamos un pouco o mundo, o normal nestes casos. A conversa foi máis ou menos así:
Xosé Manuel: Seica empregou bastante xente o Concello.
Dositeo: Si... os catro de sempre, que por facer non fan nin sombra... e como a van facer se andan todo o día pola sombra.
A moitos pareceravos unha obviedade, para min é retranca pura.