viernes, 16 de julio de 2010

"PAUL FICTION"

O mundo está tolo e ao carallo...
Din que a realidade supera á ficción e unha vez máis quedou demostrado.
Nin o guión máis surrealista de Muchachada Nui podería chegar a crear unha historia semellante. Un Pulpo alemán chamado Paul que pode adiviñar o gañador no enfrontamento entre dúas seleccións participantes e que colle tal sona, carisma e prestixio que importantes acuarios do mundo o queren fichar. E a cousa non queda aí, empresarios de O Carballiño poxan por el ofrecendo a prudente e simbólica cifra de 30.000 € para que sexa a estrela mediática na coñecida "Festa do Pulpo" que se celebra a principios de agosto na devandita vila ourensá. Seica o cefalópodo non está en venda pero o Concello xa quixo pasar á historia declarándoo "Amigo predilecto" de O Carballiño. Manda carallo!! Todo sexa por dar a nota e chamar a atención, non si? Que queren no Carballiño, que veña Paul e faga o pregón das Festas? Sacrificalo e cobrar a ración de "Pulpo Paul" a prezos de guinnes? Beatificalo como se fose un Santo Milagreiro e xerar peregrinacións de culto para os indecisos desexosos dun consello á hora de elexir? Empregalo de semental para crear unha xeración de "Pauliños" con semellantes poderes adiviñatorios e despois facer negocio con eles?
A historia resulta absurda pero a verdade é que Paul adiviñou todo o que lle preguntaron, incluso a victoria final de España contra Holanda. Causalidade de máis, non?
Este pulpo vale o seu peso en ouro e o seu propietario sábeo ben. Sabe que ten a galiña dos ovos de ouro e irá sacándolle o que poda. Ideas que me veñen á cabeza se fose eu o dono: montar unha Administración de Lotería co nome comercial de "O Pulpo Paul", e o slogan "Indeciso ata a morte? Deixa que Paul escolla o teu número da sorte", ofrecería os servizos de Paul para empresas de sondaxe, ensinarialle a facer test e levaríao comigo de mascota da sorte ás opos da Xunta, deixaría en evidencia a todos os trileiros das Ramblas... E incluso proporía que se tivese en conta para tomar decisións de trascendencia política nacional sabendo que é unha garantía de acerto e que arrasa en popularidade. España, monarquía ou república (ver foto)?, Estatut de Catalunya recortado ou íntegro? Zapatero ou Rajoy?
Está claro, aceptamos Pulpo como animal de compañía...

No hay comentarios: