jueves, 24 de junio de 2010

A CONCRECIÓN GALEGA

Comezou o verán e hai que informar debidamente á clientela dos novos horarios. Para iso, en Galiza somos auténticos profesionais.

Velaquí, na foto da esquerda, un exemplo que o ilustra perfectamente. O bar en cuestión está en Compostela e na cristaleira que dá para a rúa infórmasenos do horario de verán: De 10:00 H da mañá a Peche. Queda claro, non?
Este bar abre as súas portas ás 10 H. ; pero cando pecha? Depende.

Lémbrame a outro letreiro indicativo do que oira falar tempo atrás no que seica se informaba tamén do horario do negocio. Rezaba máis ou menos así: "Abrimos cando chegamos, pechamos cando marchamos, se vén e non coincidimos é que non estamos". Tampouco deixa lugar a dúbidas, non si?
A concreción e a precisión non hai quen nos gane... Cando o galeg@ queda para ir tomar café á túa casa non esperes que che concrete unha hora, non!! Dirache que pasará "despois de comer" e xa está. Non te desesperes, pensa que despois de comer é despois de comer pero antes de merendar... Non che axudará moito a facer previsións pero algo é algo...
Viva o relativismo galego... aínda que a moit@s lles provoque angustia.

No hay comentarios: