miércoles, 20 de enero de 2010

MERCAR BRAGAS CULTURIZA !!

O que dan de si as rebaixas...

Calquera estratexia comercial ten cabida nestes tempos de crise, e se non mirade a foto que me chegou por e.mail. Mercando tres bragas de "a diario" regálannos un libro. Que aprenda o Ministerio de Cultura deste tipo de iniciativas para fomentar a lectura nos estratos sociais máis distraidos para este tipo de inquietudes. Renovando o enxoval íntimo aproveitamos para incorporar un libriño á nosa biblioteca particular; o ideal, xa postos, sería que fose de literatura erótica... para "que conxunte" a promoción máis que nada.
E aproveitando que falo de bragas, sabiades que antigamente a palabra "bragas" referíase a unha prenda masculina? Pois se non o sabiades xa o sabedes. Aínda hoxe se empregan expresións como "ser un home moi bragado" (afouto e valente en clara referencia ao que as bragas ocultan) ou a coñecida palabra "bragueta" para referirse a apertura dianteira do pantalón. Pero ollo! en galego deberiamos dicir "petrina". Termo moi empregado por castrapos que ignoran que o son; velaquí un exemplo: "Mamá, se me estragó la petrina".
Se vos ten que coller alguén en bragas... que non sexa a crise.